Formación a empresarios: o Plan de Mellora da Calidade Turística implanta unha ferramenta de xestión de reservas para o empresariado.
10.12.2009
O concello de Melide acolle hoxe as sesións formativas da ferramenta de xestión de reservas que o Plan de Mellora da Calidade Turística das Terras de Ulla e Tambre desenvolveu para os empresarios turísticos do destino. A empresa FORINEM desenvolverá este curso dirixido aos establecementos, principalmente aloxamentos turísticos. Este software permitirá ás casas de turismo rural, hostais, hoteis, etc., contar cun soporte que lles dea unha maior eficacia á hora de xestionar as súas reservas.
Trátase dun programa opcional co que poderán contar aqueles empresarios que así o desexen. Os cursos comezarán cunha pequena presentación para falar sobre o financiamento deste proxecto por parte da Consellería de Cultura e Turismo e a Deputación da Coruña e despois continuarán coa explicación do funcionamento e xestión do programa de reservas. Con isto os empresarios poderán decidir se lles interesa para o seu negocio. En caso de que así sexa, a empresa Forinem acudirá a realiza-la instalación a cada aloxamento e tamén resolver as dúbidas particulares.
En calquera momento tanto durante os cursos como posteriormente, poderanse facer suxestións aos responsables da empresa instaladora do programa, o cal xa foi probado de maneira satisfactoria en diversos establecementos da zona.
As datas dos cursos son as seguintes:
MELIDE: 9 e 10 de decembro de 17h a 20h.
ARZÚA: 14 e 15 de decembro de 17h a 20h.
VEDRA: 21 e 22 de decembro de 17h a 20h.
Existe a posibilidade de que os cursos se prolonguen un día máis en cada comarca no caso de ser necesario e os asistentes así o demanden para ter unha maior claridade no coñecemento deste programa.